Tuesday 07 de May de 2024

Lousame acolle este venres un Concerto Lírico a cargo do Dúo Mara, composto pola soprano Esperanza Mara e a pianista Paula Gago


A soprano noiesa asegura que “é unha forma de achegar a calquera persoa un xénero que non se programa a cotío”

O auditorio da Casa da Cultura de Lousame acollerá este venres 18 de maio, ás 21:00 horas, un Concerto Lírico a cargo do Dúo Mara, composto pola soprano Esperanza Mara e a pianista Paula Gago. Na presentación deste concerto, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, incidiu en que se trata dun dos pratos fortes da programación cultural co gallo da conmemoración esta semana do Día das Letras Galegas xa que “seguro que vai ser un magnífico espectáculo para a nosa pequena gran sala de Lousame, unha demostración de emotividade que ten a lírica pero que para moitos é unha gran descoñecida”.

Villaverde estivo acompañada pola soprano Esperanza Mara, noiesa de nacemento pero con orixes na aldea lousamiá de Fruíme, quen corroborou que “a lírica é un xénero que non se programa a cotío en Lousame. De feito non coñezo a ninguén que cante lírica en Noia, Muros, Outes, Boiro… é difícil. A lírica adoita programarse para grandes teatros, pero esta é unha forma de achegar este xénero a calquera persoa”. Mara considera que “a lírica ten que ser accesible, para un rapaz ou un adulto, porque é moi elocuente e moi de sentimentos”.

Concerto

O concerto durará aproximadamente unha hora e contará “cun repertorio variado”, explica Esperanza Mara, “ópera, zarzuela, muiñeiras líricas… con imaxes de fondo” porque “durante o concerto queremos destacar a figura de María Victoria Moreno, polo que faremos lecturas de contos infantís e tamén da súa poesía, publicada despois da súa morte”.

Teresa Villaverde explicou que “o pasado 8 de marzo tivemos a honra de escoitar aló a Esperanza Mara e o certo é que nos fixo estremecer. Polo que lles recomendo a todos os veciños e veciñas de Lousame que non se poden perder a actuación deste venres”. Daquela, a actuación de Mara foi tan aplaudida que tivo que interpretar un par de cancións máis fóra de programa.

Dúo Mara

Formado no ano 2005 tras coñecerse a soprano noiesa Esperanza Mara Filgueira Rama e a pianista marinense Paula Gago Otero no seo da Banda Sinfónica da Federación de Bandas de Música Populares de Galicia, o seu primeiro recital como agrupación tivo lugar en Rianxo (2006). Dende aquela ofreceron numerosos concertos dentro e fóra de Galicia, participando en destacados actos como o Día Europeo da Música (Santiago de Compostela), Semana Cultural Noiesa, Feira do Libro en Oporto, Festival Son de Marín, Semana Musical de Noia e a Homenaxe ó escultor Francisco Asorey (Cambados).

Ademais son habituais en ciclos de recoñecido prestixio coma os organizados pola Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza (Santiago), a Fundación Cultural Rutas del Románico (Pontevedra), a Asociación de Compositores de Galicia, a Fundación Eutherpe de León e o Curso de verán Tamara Brooks. O seu repertorio é moi amplo e variado abarcando diversos xéneros e estilos dende o Rexurdimento ata o século XX, incluíndo ópera, oratorio, lied, zarzuela e canción española, latinoamericana, francesa, inglesa, galega e rusa.